lunes, octubre 09, 2006

Que?

Teño moitísimas cousas que contar dende a última vez que escribín aquí. Podería comezar polo principio pero vouno facer polo final que o teño máis recente. Onte levei un desgusto moi grande a última hora da tarde, despois de rematar o segundo día de grabación dunha curta na que estamos participando todos os compañeiros de Papaventos. Tiven unha discusión forte cun deles e afectoume bastante. Este non é o lugar máis axeitado para expoñer os motivos que desencadearon a disputa máis eu necesito explicar o que sinto. Hoxe estou moito mellor despois de falar cos meus pais porque teño a gran sorte de manter con eles unha relación de total confianza que á vez é moi distinta con cada un deles. Os dous son ese tipo de pais que se alonxan moitísimo do estereotipo de proxenitores aduladores e superhipermega orgullosos publicamente dos fillos que nunca se cansan de figurar como nai de ou pai de en todos e cada un dos sitios aos que aqueles van ou nos ámbitos nos que participan, creo que me entendedes. Son, polo contrario, moi críticos conmigo cando é necesario, co meu traballo, coa miña actitude ou co que sexa. Isto, que ás veces me parece unha falta de interés pola súa parte en min, ou de apoio, é sen embargo algo que admiro deles porque teño moi presente que eu son o que eles máis queren neste mundo e que queren o mellor para min, algo no que coinciden a maioría dos pais e nais deste mundo mundial. De maneira que fai que me repatee até límites que nin vos podedes imaxinar, a actitude deses outros aos que se lles enche a boca ao falar dos seus descendentes... Es que mi niña me come de maravilla, y luego echa unos eructitos que son la envidia de todas las madres del parque... Porque resulta que hai unha cousa que se chama modestia e humildade, e tamén hai outra, que non ten nada que ver, claro está, que é a falsa modestia. A min educáronme na primeira, a segunda ódioa tanto como a fachenda, a vaidade ou o ensoberbecemento. Eu teño miles de defectos e cando digo miles son miles, non é hipérbole. Sei que son unha persoa 'difícil' de tratar, seino eu e sábeo a xente que me quere e mo di, entre outras cousas porque son inconformista, protestona, pouco falsa (xa que a veces é necesario selo para unha mellor convivencia das persoas), non tendo á idolatría de ninguén, e, sobre todo, porque nunca me interesou caerlle ben a todo o mundo, de feito é algo que me asustaría. Pero non son vaidosa. Pode haber xente que así o crea, respéctoo, porque tamén teño claro que coñecerme a min é difícil a pesar de que moitos consideren que me teñen 'calada', pero ás veces este tipo de xuízos dóenche. Neste caso, pódese dicir que foi a gota que colmou o vaso e que ademais me colleu desprevida. Onte estaba cansa, un pouco desilusionada e tristona, e no medio da discusión boteime a chorar como unha nena. Non soporto á xente de lágrima fácil (adoezo bastante diso), e para min foi unha mostra de debilidade e case que de inestabilidade emocional que fixo que me sentira aínda peor. Colleume en mal momento. Como xa dixen, falar cos meus pais axudoume moitísimo. Están ao tanto do que pasa e aconselláronme sobre o que debía facer. Xa podo durmir máis tranquila. Polo demais, a experiencia de participar nesta curtametraxe está sendo positiva. O que máis me está gustando é ver traballar de preto á xente profesional no equipo técnico. Estou aprendendo cousas sobre a fotografía en cine e cada día apasióname máis o tema. O director de fotografía ten unha cámara de formato medio que me ten namorada e xa estou desexando ver o que sae de aí. En fin... aínda me queda moito que contar pero hoxe xa paro aquí co rollo.

4 comentarios:

*Sara dijo...

Muá! :)

Anónimo dijo...

Os pais non sei que tenen, ás veces aborrecémolos, pero dun xeito ou doutro son eles quen nos constrúen, e moitas veces non o sabemos agradecer. Darse de conta é un síntoma de madurez. Aí estamos! Múa, mariquinha

Anónimo dijo...

quixen p´r muá, co tilde na á

Anónimo dijo...

Guapa! Non esteas mal, muller. Eu acórdome de ti alí onde vou :P