lunes, agosto 29, 2005

Ganas de ter ilusión

Está a piques de rematar o peor, diría eu, verán da miña vida. Estou en off. Levo xa tempo así polo que tampouco é cuestión da estación. Durmo 12 horas diarias e as outras 12 non me dan moitos motivos para seguir esperta. Parece que caín nun burato e por máis que o intento non dou saído. Teño todo o que unha persoa pode desear, agás ilusión por facer cousas. Hoxe, nunha noticia sobre o estrés postvacacional daban as claves para superalo e unha delas era pensar que o traballo dignifícanos. Facía tempo que non escoitaba unha verdade tan grande. Cando fas cousas, cando estás activo, pódeste sentir cansado, agobiado... polo que sexa, por traballar na casa, por entregar a tempo os traballos da facultade, por facer as prácticas,... pero despois de que rematas as cousas, sénteste xenial. Ves os froitos do teu traballo aínda que só sexa un sorriso de túa nai ou un mísero aprobado pinchado nun corcho. E sabes que a túa vida non pasou en balde. Moitas veces acabas ata o cú, aborrecendo todo por calquera motivo ou vendo que os teus esforzos non foron recoñecidos, é certo, pero o que importa é que facías algo con algún obxectivo, con algún horizonte. A min fáltame un horizonte ou polo menos tápamo a néboa. Oio e leo ós meus compañeiros queixarse dos seus xefes de prácticas, dos compañeiros, do traballo que teñen e non teñen, da dura vida de bolseiro... e dame unha envidia que morro. Porque no fondo sei que están ilusionados, por moito que digan, e eu non. Meu pai di que é cuestión de botarlle xenio á vida. Pero a min non me sae. Eu síntome un parásito. Non teño dignidade. É horrible. Non sei que facer da miña vida. Se se poidera comprar o ánimo por kilo, non tería nin ganas de ir ó mercado. Caín ó burato da apatía porque algo me arrastrou alí pero iso xa non me impide saír. E sen embargo sigo alí. E síntome tan culpable por sentirme así... Arrastro cadeas e ver que me quedo atrás en vez de darme forzas, quítamas. Só teño ganas de ter ilusión.

6 comentarios:

*Sara dijo...

Lady Bird, por algo se empeza: ter ganas de ter ilusión... xa é ter ilusión por algo. A min tamén me pasa ás veces iso de crer que o teño todo, pero sentir que me falta "algo" ao mesmo tempo, esas ganas de lanzarme á vida sen esperar a que sexa ela a que vén por min. Despois síntome egoísta pensando na cantidade de xente desgraciada de veras que hai no mundo e iso dame un pequeno empuxón cara a adiante.
De tódalas maneiras, non esquezas que é verdade o que dis sobre o de manterse ocupada, sexa co traballo ou con outras actividades a maiores. (E deberías estalo cos exames...-sen ánimo de parecer a túa nai, eh?-)O verán ás veces faise demasiado longo, sobre todo, se xa o vés pasando mal dende hai un tempo. Pero o novo curso xa está á volta da esquina e seguro que che trae moitas boas sorpresas, comezando por esa viaxe que farás en outubro... Mantén a ilusión de que será así.

Anónimo dijo...

Hola mariquiña. Non me gusta lerte así de desilusionada, de tódolos xeitos penso que é algo moi persoal e non me apetece falar aquí. Se me das o mail escríboche.

Anónimo dijo...

Tamén eu teño aborrecido o meu mundo e, sobre todo, a quen máis quixen e aínda quero. Pero, aínda así, nin sei nin son quen de dicirche nada, Mariquiña.

Se de analoxías se vivise rezaría ó carón dos pés da miña cama, do meu berce quixer que fora, para correr bágoas, que, ás veces, teimudas, non queren nin saírme. Porque cando te fan sentir o que non es e, peor aínda, cando ti o cres, sénteste pouco ou nada. Nada, mellor. E eu teño chorado, téñome mirado ó espello e, entre o fume dun piti de Marlboro, desexar que as cousas cambien. Teño feito. E poucas as ocasións nas que me deu resultado. Son sincero. Porque a honestidade é das cousas que me fan sentir diferente, anexo á masa que encamela os sentimentos. Total, para nada...

Marla Singer dijo...

¿Nunca falas sin ser "poetizando" o que dis, Sixto? Cústame crer que queiras cambiar, semellas moi seguro e satisfeito do que es

María M dijo...

Aquí se corta el aire... XD

Marla Singer dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.